mércores, 22 de febreiro de 2017

O cristal con que miramos

As veces un cadro ou unha fotografía pódenos facer reflexionar sobre algunha cousa, ou acabar dando forma a unha desas vagas ideas que todos temos na cabeza e nunca pasan de ser coma unha especie de ruido de fondo da nosa mente. En realidade pode pasar con calquera imaxe, mesmo cunha foto que ti mesmo fixeche sen a menor intención de que expresara nada. Iso foi o que me pasóu onte. Merquéi unha cámara nova e dende hai uns días ando a focellar nela para explora-las súas posiblidades e aprender a manexala, e de súpeto ocorréuseme unha parvada: puxen un libro enriba da mesa, montéi a cámara nun trípode e fixen unha foto coa cámara vella. Non sei nin por qué o fixen, só andaba a xogar. Pero logo a foto déume qué pensar.

Na foto non se pode ver o libro, nin sequera a súa imaxe, o que vemos non é máis que a imaxe da imaxe do libro. En realidade, para saber o que estades vendo tédevos que fiar de mín. O libro podería non estar sequera alí, podería ter tomado a foto antes e non haber nada máis que a parede diante da cámara, ou ser só a sobrecuberta do libro, sen nada dentro. E aínda que non me teñades por un mentirán o certo é que seguiredes sen ve-la realidade: a cor da cuberta do libro é máis oscura, o que semellan dúas liñas negras é en realidade un só trazo, e o que semella unha mancha branca non é máis que un reflexo.

Pois ben, xa sei que non é un pensamento orixinal, pero ocorréuseme que así é como vemos unha boa parte do mundo. Vivimos na época da imaxe e a inmediatez, e chégannos a cotío moreas de información a través da televisión, o móbil ou a internet. Non sempre filtramos toda esa información, nin diferenciamos a relevante, nin nos preguntamos quén a publicóu e porqué, nin a contrastamos con outras fontes. As redes sociais son estupendas, pero tamén están cheas de bulos que difundimos sen ningunha comprobación só porque concordan coas nosas ideas ou prexuicios. Hai xente que pensa que certas canles da televisión e certos medios impresos din "verdades coma puños", cando son verdadeiros amplificadores de propaganda. Por certo que espero e intento non ser un deles, pero por si acaso tentaréi non cuspir alto de máis.

Non é nada novo, a propaganda e os rumores existen dende sempre; a diferenza é que hoxe os rumores son dixitais e se espallan polo mundo enteiro a velocidade vertixinosa. E tamén, penso eu, que antes, se alguén nos contaba algo que semellaba estrano ou esaxerado non lle dábamos moito creto, sobre todo se sabiamos que a persoa que o contaba tiña sona de "cotilla". E a miúdo, ainda que non fora máis que por non parecer cotillas nós mesmos, pensabamolo dúas veces antes de repetirllo a outro. Agora o que nos chega polas redes, ou pola nosa canle favorita da tele ou o noso periódico habitual, acetámolo sen máis. E só nos compre un "clic" para repetilo non a unha, senon a moitas persoas á vez. ¿Quén que teña conta nunha rede social non viu, por exemplo, aquilo de que este mes ten cinco venres, cinco sábados e tal e cal, e que iso só ocorre cada non sei cántos centos de anos? Falso. ¿Ou aquilo dos catrocentos mil políticos? Falso. E tantas cousas máis, unhas inocentes e outras non tanto.

Tampouco é que toda a información que nos chega sexa falsa ou estea manipulada. Pero igual que a foto da imaxe do libro, o que nos chega ven escollido e filtrado polas ideas, a maneira de pensar e as as áreas de interese de quen publica a información, aínda que fora coa mellor das intencións. Igual que eu escrebo nesta bitácora das cousas que quero e me interesan, e dende o meu persoal punto de vista e a miña experiencia vital. E logo hai outra escolma, a do que deciden compartir ou non as persoas que coñecemos.

Seica debiamos ser un pouquiño máis coidadosos co que espallamos e un chisco máis conscentes de que non sempre estamos a percibir a realidade, senón que a miúdo é a imaxe dunha imaxe da realidade.

En fin, ahí o deixo. Ata aquí a miña pequena reflexión que, como vedes, non é nin orixinal ni moi profunda. En realidade, só é unha excusa para compartir a foto con vós sen que parecera só a parvada que é. A mín gústame.

Ningún comentario:

Publicar un comentario